A poboación infantil non só sufriu, por mor do COVID-19, un confinamento particularmente restritivo, senón tamén unha forte invisibilización das súas necesidades no discurso político e na propia axenda investigadora. Necesitamos reverter esta invisibilización e dispoñer de ferramentas precisas de investigación que describan con detalle a súa situación, expectativas e necesidades -con énfases na máis vulnerable- xa que no tempo post-COVID avecíñase unha importante tarefa de reconstrución tanto do incerto escenario relacional educativo, como do resto de áreas da vida social de nenas e nenos. A través dun enfoque de utilidade pública, e contando cunha metodoloxía mixta (cuantitativa e cualitativa) que coloca a nenas e nenos como informantes clave xunto ás persoas adultas, este proxecto proponse identificar as áreas prioritarias de intervención para combater o impacto das múltiples desigualdades que a pandemia introduciu ou acentuou nas vidas de nenas e nenos. Por iso o propósito xeral do proxecto descrito nesta memoria científico técnica será analizar o grao de benestar e as necesidades percibidas dos nenos e nenas na crise do COVID-19 e nova normalidade con énfase en como están a vivir o proceso educativo as persoas menores de idade e con el a necesidade de comprender as tendencias de cambio e o seu posible impacto para a poboación infantil os próximos anos, para formular políticas públicas que poden compensar as posibles tensións e desequilibrios que van xurdir neste escenario de recuperación tras a pandemia.
Xustifícase así a necesidade de apostar por devolver a nenas e nenos ao primeiro plano da actividade investigadora e usar os nosos instrumentos de coñecemento científico para reverter desde un diagnóstico de utilidade pública o impacto que a pandemia causou sobre problemas preexistentes, pero tamén sobre aqueles que pertencen innegablemente ao novo escenario da vida social tras o COVID-19. Son necesarias por mor desta crise sociosanitaria políticas e respostas desde os sistemas de protección social sensibles.